COMUNICACIÓN ->Comunicados de prensa


Comunicado da Confederación de STEs-Intersindical ante a sentenza a sindicalistas da CIG

24-02-04

As organizacións que compoñen a Confederación de STEs-intersindical (STEs-i) manifestan o seu máis completo rexeitamento á condena feita a Guillerme Rei, Xosé Luís Trigo e Xosé Méndez, aderidos á CIG e integrantes dun piquete informativo que actuou durante a folga xeral do 20 de Xuño de 2002. As penas máximas aplicadas, que abranguen en conxunto ao pé de15 anos de cadea para os tres traballadores e multas superiores a 11.000 euros, son un modelo de severidade e parcialidade na aplicación da Lei. Tal e como figura na prensa, sectores da avogacía, do empresariado e mesmo cargos eleitos do PP da propia cidade de Lugo consideraron, a título individual, que a sentenza era desproporcionada; velaí o verdadeiro calado da medida aplicada.

Acusar dun delicto contra os dereitos de traballadoras e traballadores semella, cando menos, paradoxal no caso que nos ocupa. O mundo sindical sabe de inumerábeis casos onde se chantaxeou, boicoteou ou directamente impediu o dereito á folga das traballadoras e traballadores por parte dos patróns, sen que por iso os empresarios se visen ante condenas nin sequera comparábeis.

Os sindicatos e as e os sindicalistas debemos ser os primeiros comprometidos na defensa das liberdades polas que tanto loitamos. Para a Confederación de STEs-intersindical o dereito á folga é inalienábel e, lonxe de condenalo, haino que incentivar e ninguén debe ceder á presión por exercer este dereito. En circunstancias tan graves como as que están en causa, todas as persoas que defendemos a democracia debemos de esixir que ningún traballador entre no cárcere con tal motivo.

A Confederación de STEs-i aplaude a xenerosa resposta dada polas compañeiras e compañeiros da CIG ao proporen unha folga de fame sustentada polos propios dirixentes e liberados sindicais para todo o mes de Febreiro. A Confederación de STEs-i, así mesmo, animará a participar na manifestación nacional do vindeiro 29 do mes que andamos, e tamén nas diversas concentracións ante os xulgados, que se desenvolverán en distintas cidades galegas así como en Madrid. Para rematar, a Confederación de STEs-i proclama a súa solidariedade coa recén formada Plataforma EN DEFENSA DAS LIBERDADES, da que xa é parte, e asume as accións que esta determine para facer fronte e denunciar a onda reaccionaria e involucionista que vivimos da man do Partido Popular.

Secretariado Confederal
STEs-intersindical


© Confederación de STEs-Intersindical