|
ESTATUTO DOCENTE |
||
[Asturiano] [Castellano] [Català] [Euskara] MANIFESTO A globalización económica, que trae ventos privatizadores para o conxunto dos sistemas educativos do mundo, encontrou reflexo na Lei Orgánica de Educación (LOE) recentemente aprobada polo parlamento español. Esta lei supón un ataque á Escola Pública, pois é unha norma que, respondendo ás políticas privatizadoras que tratan de se implantar en todo o mundo, pon de manifesto que a educación, un dereito fundamental das persoas e non un servizo suxeito ás regras do mercado, é un servizo público que “pode ser prestado polos poderes públicos e pola iniciativa social, como garantía dos dereitos fundamentais dos cidadáns”, cando a verdade é que a chamada “iniciativa social” é en realidade a empresa privada, concibida para o lucro ou/e o adoutrinamento. O potenciamento dunha Escola Pública de calidade e a necesaria mellora das condicións de traballo do profesorado, sempre foron obxectivos perseguidos polos sectores máis avanzados e progresistas do conxunto da comunidade educativa, pois para que o ensino mellore é mester que o profesorado vexa recoñecida a súa tarefa e valorado o seu traballo. E de igual xeito que a LOE non afortala a Escola Pública, tampouco se aproveitou esta Lei para mellorar as condicións de traballo do profesorado. As propostas que desde STES-i se presentaron na Cámara para avanzar no devandito recoñecemento e mellora foron rexeitadas na súa maioría, escudándose os grupos parlamentares que votaron favorabelmente a Lei, e o propio goberno, no apoio que afirmaban ter das organizacións sindicais que asinaron co MEC un acordo laboral durante a tramitación parlamentar, en outubro do ano pasado. Agora, e coa escusa de regulamentar o desenvolvemento profesional do profesorado, o goberno introduce a este colectivo laboral nun labirinto inquietante, regresivo e xerarquizador: o Estatuto do Profesorado. Estatuto que, segundo os seus promotores, quere ordenar a profesión e plasmar os dereitos e deberes do Profesorado, mais o que en realidade fai é introducir no ensino público métodos empresariais de xestión de persoal, moi alonxados do que é e debería seguir sendo o traballo docente. Neste Estatuto teñen unha clara presencia as propostas neoliberais dalgúns sectores do goberno e do MEC. As novidades do Estatuto baséanse na implantación dunha “carreira docente” que se sustenta na promoción da competitividade entre o profesorado: correr e competir para chegar primeiro, para obter tal ou cal mérito, para poder cobrar tal ou cal retribución; e na facultade da dirección dos centros ou/e da inspección educativa para informaren favorábel ou negativamente da avaliación á que se deberá de someter todo o profesorado; se a avaliación é “voluntaria” a carreira realizarase máis axiña. A “carreira docente” concrétase nunha nova idea sobre o que hoxe son as retribucións complementarias, con novos componentes do complemento específico, xurdindo así os “graos”, que se conseguirán previa avaliación positiva do Profesorado. Entre eses novos componentes salienta o de “especial dedicación ao centro”, que é de carácter anual e non se consolida, así como a introdución da retribución da función titorial, que divide ao profesorado ignorando que tal labor é inerente á tarefa de ensinar. Os méritos para avanzar na “carreira docente”, para conseguir o grao dependen de criterios tan escuros ou arbitrarios como a avaliación voluntaria da práctica docente, a asunción de tarefas e responsabilidades complementarias, a implicación na mellora dos resultados do alumnado, aos que hai que sumar “unha dedicación horaria especial de carácter estábel ao centro ou servizos educativos”, isto é, pagarase a prolongación da xornada laboral. A proposta do Estatuto do Ministerio contén outros aspectos que son negativos para o desenvolvemento profesional do profesorado: a redistribución de efectivos no centro; a mobilidade forzosa; a recolocación ou impartición obrigada de materias diferentes á de acceso; a falta de garantías para que os concursos de traslados sexan anuais; a libre designación para os postos de traballo, en igualdade co concurso; a falta de propostas en saúde laboral, sen nin sequer mencionar as doenzas profesionais… O proxecto de Estatuto deixa ao Profesorado Interino nunha precariedade laboral e económica permanente, con contratos anuais, sen cobrar pola antigüidade no traballo e, para máis discriminación, sen poder acceder aos graos. O labirinto no que o MEC introduciu ao Profesorado contén outros dous elementos que van claramente contra a súa dignidade como traballadores. Non se recoñece o dereito das persoas que ostentan a representación sindical a intervir en todo o referido á defensa dos dereitos do profesorado: horarios, ceses, cadros de persoal, baremos..., así como a posibilidade de que o profesorado poida ser “degradado” coa perda dos graos adquiridos, como sanción ante faltas que non están aínda concretadas, e isto despois de pór a todo o profesorado baixo sospeita coa avaliación voluntaria. O Estatuto debe dignificar a tarefa de ensinar O conxunto do profesorado, que non ten entre as súas prioridades a existencia dun Estatuto, considera, porén, necesario que a administración e o conxunto da sociedade recoñeza e valore a importancia do seu traballo, polo que o posíbel Estatuto debe servir para dignificar a tarefa de ensinar, para mellorar as condicións de traballo do Profesorado; para empeorar, non queremos Estatuto. Na negociación deste proxecto STES esixe ao Ministerio que revise a fondo as novas bases en que pretende fundamentar as relacións laborais do Profesorado e as súas retribucións. O goberno debe asumir que ensinar supón necesariamente traballar en equipo e que debe desterrarse calquera indicio de competitividade entre o Profesorado, promovendo o traballo colectivo e en equipo, a autonomía e a democratización dos centros, o aumento dos cadros de persoal, a diminución das ratios, a constatación do labor titorial de todo o profesorado, unha maior capacidade de decisión dos órganos colexiados,... Asimesmo, e como un elemento de primordial importancia, é preciso que se regule unha mesma titulación para exercer en todo o ensino, como a vía para acadar o Corpo Único de Profesorado e permitir a súa mobilidade por todo o sistema educativo. A concreción do Estatuto debe contemplar tamén a mellora das retribucións para o Profesorado de todo o Estado, polo que reivindicamos o aumento do complemento específico en douscentos cincuenta euros mensuais, como medida de apoio ante a reforma educativa e dada a complexidade actual da tarefa de ensinar. Tamén reivindicamos o dereito ao ano sabático, a redución horaria sen diminución salarial desde os 55 anos, a xubilación voluntaria aos 60 anos de idade, así como a permanencia no sistema educativo do Profesorado Interino até se conseguir o seu acceso definitivo ao mesmo. O proceso de tramitación do Estatuto aínda durará uns meses e durante este tempo o STEG seguirá informando sobre os seus contidos e as alternativas que defende, nas que se recollen as reivindicacións e valoracións do profesorado. Manifestamos que queremos traballar conxuntamente co resto de sindicatos para que o Estatuto non empeore as nosas condicións de traballo. Mais para o conseguir precisamos coñecer os puntos de vista que as diferentes organizacións manteñen sobre os seus aspectos máis conflitivos e perigosos, e deben facelo agora, pois, aínda que o futuro está por escribir, o pasado inmediato dinos que hai organizacións dispostas a asinar co goberno calquera medida con tal de xustificar a súa existencia. Os STES propómoslle ao profesorado e a todos os sindicatos que é preciso realizar todo tipo de presións para impedir que “nos degraden” e para que o Estatuto sirva verdadeiramente para dignificar o ensino e mellorar as condicións laborais das súas traballadoras e traballadores. Coa mobilización do profesorado, como xa fixemos
perante ofensivas de gobernos anteriores, os STES comprometémonos a
empregar todas as nosas forzas para deter esta intolerábel agresión ao
Profesorado, para saír do labirinto: se o Estatuto non serve para
mellorar, non queremos Estatuto. QUE NON TE DEGRADEN. MOBILÍZATE. O SECRETARIADO DA CONFEDERACIÓN DE STES-INTERSINDICAL "Este Manifesto, ao igual que os apoios recibidos, entregaráselle ao MEC durante a negociación do proxecto na Mesa Sectorial. Así mesmo, faráselle chegar aos Grupos Parlamentares do Congreso e máis do Senado durante a tramitación parlamentar" |
||
|
© Confederación de STEs-Intersindical |